Leonardo da Vinci inscríbese na corrente tecnicista do
Renacemento e, como tal, tivo predecesores inmediatos ou máis afastados entre
os que se pode citar a Konrad Kyeser, Taccola, Roberto Valturio, Filippo
Brunelleschi, Jacomo Fontana ou Leon Battista Alberti, a quen lle debe
probablemente moito. Algúns deles foron personalidades máis potentes, cun
espírito aínda máis completo e unha curiosidade máis ampla cós de Leonardo. As
súas notas conteñen debuxos de numerosas innovacións coma diversas máquinas
para voar (o 3 de xaneiro de 1496 ensaiou unha das súas máquinas para voar sen
éxito), un helicóptero, armas de fogo, tanques armados, un submarino e un
dispositivo con engrenaxes que podería ser unha máquina para calcular. Leonardo
chamaba a guerra «pazzia bestialissima» (tolemia salvaxe) e estudou as armas á
vez que gardaba distancia sobre o seu uso. Foi probablemente un dos primeiros
enxeñeiros da súa época que se interesou polo traballo mecánico dos metais e en
particular do ouro, o máis maleable. A súa orixinalidade ponse de manifesto na
máquina voadora e nalgunhas máquinas téxtiles, nas que tivo a oportunidade de
aplicar o seu sentido da observación á regularidade dos movementos. En 1502
proxectou unha ponte de 240 metros de luz que formaba parte dun proxecto de
construción para o Sultán Bajazet II de Constantinopla. A ponte debía servir
para franquear o estuario coñecido como Corno de Ouro. Beyazid abandonou o
proxecto porque considerou que a construción sería imposible. A obra xamais se
realizou, mais no ano 2001 a idea resucitou para a construción dunha ponte en
Noruega baseada no deseño de Leonardo. O 17 de maio de 2006 o goberno turco
decidiu construír a ponte de Leonardo sobre o Corno de Ouro. En arquitectura
estivo influenciado pola obra de Filippo Brunelleschi e proxectou elevar o
Battistero di San Giovanni de Florencia, así como crear unha torre-lanterna
para a catedral de Milán. Utilizou a miúdo a forma octogonal para os edificios
relixiosos e o círculo para os militares. Por mor da epidemia de peste que
azoutou Milán entre 1484 e 1485, deseñou unha cidade perfecta teórica con eixos
de circulación optimizados e condicións de vida de calidade, nunha visión
marcada non polas distincións sociais senón polas funcionais, á imaxe dos
órganos do corpo humano. Por desgraza, moitos dos seus estudos sobre
arquitectura perdéronse.
No hay comentarios:
Publicar un comentario